
O alumnado de Educación Primaria viviu unha xornada diferente e moi especial grazas a tres saídas didácticas organizadas pola ANPA, nas que a natureza, os animais e a aprendizaxe a través da experiencia foron os grandes protagonistas.
Os nenos e nenas de 1.º e 2.º de Primaria visitaron Casa Benito, unha granxa ecolóxica na que descubriron o fascinante mundo da apicultura tradicional galega. Durante a visita, realizaron unha ruta entre vacas da raza Limusín, achegáronse ao universo das abellas e da produción do mel e elaboraron a súa propia vela artesanal, levando ademais un agasallo moi especial como recordo da experiencia.
Pola súa banda, o alumnado de 3.º e 4.º de Primaria desprazouse ata Traloagro, onde puido sentirse como auténticos granxeiros e pequenos chefs. Alí participaron na elaboración da súa propia hamburguesa ecolóxica, coidaron dos animais e descubriron diferentes aspectos da natureza e da vida na granxa. Unha experiencia na que non faltaron a diversión e as aprendizaxes relacionadas coa alimentación saudable e o respecto polo medio ambiente.
Por último, os maiores do colexio, 5.º e 6.º de Primaria, visitaron Casa da Fonte, en Pantón. Nesta saída tiveron a oportunidade de coñecer de preto o pastoreo ecolóxico, visitar unha queixería artesanal e participar na elaboración dos seus propios produtos lácteos. Ademais, descubriron os animais da granxa e desfrutaron de diferentes dinámicas e actividades ao aire libre.
En definitiva, foi unha xornada fantástica na que cada ciclo viviu a súa propia aventura, compartindo momentos inesquecibles fóra da aula e aprendendo dun xeito diferente, práctico e divertido.
Tres destinos, tres experiencias e un mesmo obxectivo: aprender, descubrir e desfrutar en contacto coa natureza! 🌿🐝🐄
Galería de Imágenes



















